O Grove, 8 de novembro de 2013.
A ilusión da familia do Breogán queda patente no sentimento que expresa o seu presidente cando manifesta que “este é o mellor C-2 que se pode montar en España”.
Na mañá de onte, o Pavillón de Deportes Náuticos do Grove acolleu a presentación do que, en palabras do propio presidente do CMDC Breogán, Félix Lamas, “é o ilusionante proxecto de tratar que o C-2 que forman Diego Romero e Tono Campos estea na final A do Campionato do Mundo de Pista do ano 2014. E logo… o que veña”.
Deste xeito, o C-2 formado polos dous Deportistas Galegos de Alto Nivel, Diego e Tono, tratará de colocarse na final do Campionato do Mundo de Pista na distancia olímpica para 1.000 metros a disputar no próximo ano, aínda que as miras están postas nas olimpíadas de Brasil 2016.
Ao seu favor está o éxito acadado coa quinta posición na final B do C2 1.000 metros deste ano cando apenas comezaran a competir xuntos. De aí que agora o obxectivo sexa a final A, e co que acadarían unha posición na que España non está representada dende o 2006, onde curiosamente, foran tamén os breoganístas David Mascato e Fredi Bea os que competiran.
Para facer posible este proxecto, o Breogán vén de asinar un convenio coa Federación Galega de Piragüismo, entidade que respalda totalmente os soños destes dous deportistas de alto nivel. Así, a partir do mes de xaneiro contarán cun apartamento na cidade de Pontevedra para poder adestrar no encoro de Verducido e no Centro Galego de Tecnificación. O respaldo institucional tamén estará presente coa Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, pois como ambos canoístas son deportistas de alto nivel, a Xunta farase cargo da súa manutención.
No ambicioso proxecto participan asimesmo dous profesionais do deporte abondo coñecidos polos seus éxitos na nosa vila. O que fora adestrador doutro C-2 meco –e olímpico, formado por David e Fredi-, José Luis Otero Padín, e Quito Parada constituirán o equipo técnico.