O CIUDAD DE PONTEVEDRA GAÑA O XXVIII TROFEO DE PIRAGÜISMO CONCELLO DE O GROVE

DSC_0701Esta fin de semana foi perfecta para o piragüismo. Acompañou o tempo dentro e fóra das augas grovenses, que acolleron o XXVIII Trofeo Concello de O Grove de Piragüismo, composto pola XI Travesía da Toxa e a 1ª regata da Liga Provincial de Alevíns e Benxamíns. O gañador da competición, trala suma dos resultados das dúas regatas, foi a Escuela Ciudad de Pontevedra, completando o podio As Torres de Catoira no segundo posto, e o Ría de Aldán no último chanzo. 

 

 Os padexeiros do Breogán acadan grandes resultados na XI Travesía da Toxa

Espléndida xornada de piragüismo a do sábado para a celebración da «XI Travesía da Toxa», na que o tempo acompañou e puidemos gozar de bonitas e competidas regatas.
@s nosos padexeir@s fixeron un bo papel, aínda que a nivel de club o resultado non foi o mesmo, por mor do tipo de regata e polas baixas que contamos.
Ainda así, de catro barcos que puxemos en competición, tres subiron ao podio e o outro non chegou a dar unha volta ao circuíto por unha avaría na pirauga.
O C-4 home xuvenil formado por Borja Meis, Diego Naveiro, Félix Meis e Sergio Meis, ocuparon o 1º posto, nunha regata na que non tiveron rival e na que colleitaron unha gran diferencia de tempo (de case 1 minuto e medio).
No C-4 home senior participaron Tino Rodríguez, Miguel Fernández, Cristian Rivademar e Sami Grigore; que obtiveron o 2º posto, por detrás do conxunto do Kayak Tudense.
E o K-4 muller senior acadou a 3ª posición, estando formado por Tania Álvarez, Rut Otero e as xuvenís Sara Bravo e Sara Cacabelos.
Pola súa banda, o K-4 home senior, formado por Yoel Alonso, Eros Caneda, César Riveiro e Jaime Castro; tiveron que abandonar a regata xa que, despois dunha boa saída, sufriron unha rotura nos cables do timón e perderon o control da pirauga, véndose na obriga de abandonar.

Malia acadar estes resultados, o Breogán rematou no noveno posto con 153 puntos, mentres que no podio por clubs nesta competición formouse polo ría de Aldán, que foi primeiro con 383 puntos; Ciudad de Pontevedra, que foi segundo con 375 puntos; e o último chanzo ocupouno As Torres, con 334 puntos.

O breogán remata 4º na 1ª regata da Liga Provincial de Alevíns e Benxamíns

O domingo disputouse outra xornada máis de piragüismo no Grove, co que tivemos unha completa fin de semana dedicada ao noso deporte.
Nesta primeira regata da liga provincial dedicada aos máis pequenos, contamos cunha boa participación e un importante número de espectadores ao longo do paseo marítimo e arredores.
A nivel de club contamos con varias baixas, algo normal nestas categorías, pero aínda así acadamos un destacado cuarto posto por clubs (1118 puntos), que nos dá confianza para poder loitar por entrar no podio en vindeiras regatas. A Escola de PIragüismo Ciudad de Pontevedra gañou a competición por clubs con 2364 puntos, completando o podio As Torres con 1332 puntos e Náutico O Muíño con 1318 puntos.
A nivel individual cabe destacar que dos catorce padexeir@s que o Breogán tivo en competición, entraron todos en control, sendo o mellor posto para Carme Devesa ao acadar a medalla de bronce no K-1 muller benxamín.
Cabe salientar tamén o traballo realizado por José Couso, que despois de volcar en dúas ocasións, foi quen de entrar en control e acadar uns puntos para o club.
Na entrega de premios contamos co Presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea e, cos padexeiros internacionais Tono Campos e Diego Romero.