Os breoganistas Tono Campos e Diego Romero seguen loitando pequenas batallas ates da «gran guerra», o Campionato do Mundo de Pista. Porén, mentres non chega o día, os padexeiros deben ir librando outras liortas, como é o Campionato de Europa de Pista que se celebrará a mediados do mes de xullo en Alemaña.
Pero como todo, para chegar alto é preciso ter bos materiais, por desgraza non só basta coa calidade dos nosos deportistas. Por este motivo, Campos e Romero tiveron que adquirir un novo C-2 co que aspirar a facerse co Campionato do Mundo ou, cando menos, chegar a meterse na Final A.
A nova «arma» coa que contan estes dous padexeiros é un C-2 Nelo modelo Vanquish III SC S, fabricado coa maior calidade da marca. Este modelo non é o último que sacou Nelo, pero é o que mellor se adapta ás características da nosa parella de deportistas.
Como foi posible adquirir esta nova embarcación? Pois grazas á achega económica que realizou un veciño do Grove para a causa, o cal prefire permanecer no anonimato, e ao que lle agradecemos enormemente a axuda. Así mesmo, Nelo tamén contribuíu realizando un redondeo no prezo por tratarse de Diego Romero e Tono Campos.
Un barco adaptado á súas necesidades
A parella de padexeiros do Breogán pode afirmar xa que ten un barco á altura das súas necesidades. Ata o de agora, estes padexeiros estiveron adestrando con súas C-2 que a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) puxo á súa disposición, que xa contaban cuns anos de antigüidade. Con todo, o barco no que mellor se desenvolvían os nosos canoistas era un C-2 propiedade do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e que tamén contaba con varios anos de uso. Por este motivo, adquiriuse un novo barco pero de ese mesmo modelo ao que están máis adaptados os nosos padexeiros, para axudarlles a que, así, poidan conseguir todo o que se propoñan e polo que levan tempo loitando e traballando.