Álvaro Bravo, piragüista do Club Breogán dende que tiña tan só 8 anos abandona, espera que temporalmente, a competición. Dende hai xa uns meses sufre unha lesión que lle produce intensas dores, pero aínda non sabe exactamente de que se trata. Este mozo espera agora recuperarse física e psicoloxicamente probando sorte no mundo laboral no estranxeiro.
Como decidiches meterte no mundo do piragüismo?
Pois a verdade é que eu comecei en fútbol, pero tiña un amigo co que xogaba moito que foi probar a piragüismo un verán e fun con el. O curioso foi que el aos dous meses, ao rematar o verán, deixouno, e eu engancheime e decidín continuar neste deporte.
Pero ti non só te preparastes no Breogán para competir non?
No 2004 funme para Pontevedra para a Escola de Tecnificación, e ao ano seguinte, con tan só 14 anos, marchei para Madrid. Alí estiven ata o de agora, exceptuando o ano 2009 que o pasei aquí, na casa.
Para chegar a ser deportista de elite seguro que hai que facer moitos sacrificios, cánto tempo lle dedicastes a este deporte?
Pois a verdade é que hai que botarlle moitas horas, é un deporte que che rouba moito tempo. Por poñer un exemplo, cando estaba en Madrid baixaba a adestrar dúas veces ao día e facía 20km á mañá e 10 km á tarde. Un día adestrabamos de mañá e ao seguinte dobrábamos pola tarde como che estou a contar, e así sempre, alternando os días. Adestrábamos de luns a sábado e a veces tamén os domingos a mañá. É un deporte que che quita moito tempo, pero se che gusta dedícaslle o que faga falta.
Entón, coido que será complicado compaxinar o piragüismo cos estudos e a vida laboral non?
Non é imposible, pero si que é moi complicado. Eu xa non tiven interese en estudar na Universidade, e fun facendo ciclos e cursos. Pero teño compañeiros que tiveron que abandonar as súas carreiras ou acabar meténdose en Universidades privadas para conseguir aprobar os cursos. O tempo e a dedicación que esixe o piragüismo de elite é practicamente incompatible cos programas e horarios da Universidade pública, pero tamén hai casos de quen logra facelo todo.
Cando comezaches a sentir as molestias físicas?
Pois xa nos últimos meses do 2013 estaba adestrando con dor. Decidín “apretar” un pouco para ver se conseguía asistir ao europeo no K4, de feito colléronme entre os 6 seleccionados na preselección, pero o adestrador veu que era mellor que non asistise e non arriscarnos a que non puidese competir no último momento, e eu tampouco quería ser un lastre para as posibilidades do barco.
En Madrid non se preocuparon por min para nada. Sabían de sobra da miña lesión e non fixeron nada, só un tratamento de fisioterapia. Tiven que ir eu esta semana a un centro privado e pagarme unha resonancia do meu propio peto (nada menos que 300 euros) para saber que é o que teño e como tratalo. Agora estou un pouco máis tranquilo porque a lesión parece que é menos do que pensaba. Os médicos desbotan a posibilidade do que en principio parecía unha hernia discal, pero haberá que seguir facendo probas para saber exactamente que teño. Agora o que me quedan son uns cantos meses por diante para recuperarme.
Será moi frustrante para ti querer seguir competindo e non poder por unha lesión así…
A verdade é que estou queimado psicoloxicamente. Estou de baixón porque quero facer algo e non o consigo. O obxectivo principal desta retirada temporal é sobre todo, ademais de recuperarme fisicamente, conseguir despexarme. Esa é a miña meta principal, curarme psicoloxicamente e tratar de volver en setembro para comezar a adestrar para a próxima tempada.
A decisión de deixar a competición, aínda que sexa momentaneamente, seguro que foi nada doada de tomar. Apoiáronte os teus?
Tanto a miña familia como os meus amigos apoiáronme nesta decisión. Aos meus pais particularmente dálles moita pena que despois de tanto tempo e cartos investidos me quede agora ás portas da próxima Olimpiada. Pero eles entenden que un rapaz de 24 anos coma min non pode andar tomando todos os días tranquilizantes para a dor, e para poder seguir competindo algún día teño que parar agora e recuperarme.
Antes de decidirme tamén lle pedín consello a antigos adestradores para que me axudasen, e tamén a David Mascato, que viviu todo o que estou a vivir. El concretamente recomendoume curarme para volver con máis forzas.
A miña decisión non é que lle guste a todos, pero enténdenme e apóianme.
E que vas facer estes meses que esteas de “baixa forzada”?
Marcho a Londres a probar sorte no mundo laboral. Teño alá a uns amigos que xa me están axudando a buscar piso. Marcho porque non son capaz de estar na casa tanto tempo. Vou cambiar de aires para centrarme máis na miña vida como persoa e non na vida como deportista, para poder volver coas pilas recargadas.
Creo que os piragüistas estades a ter varios problemas coa Federación Española…
Varios problemas non, todos. Antes todos os que percibimos beca cobrábamos mensualmente, despois pasamos a cobrar trimestralmente, despois semestralmente, e o último pago a min ingresáronmo xa aos 8 meses. Cabe esperar que se sigue así ao final o que sucederá é que directamente imos deixar de cobrar. Ademais as condicións para ser becado volvéronse máis estritas, e onde antes che pedían un oitavo posto, agora pídenche un sexto. Eu creo que esta problemática ten a raíz na fata de patrocinios, porque hai anos tiñan como 10 patrocinadores e moi potentes, e agora teñen tan só un.
E coa Federación Galega pasa o mesmo ou mira máis por vós os deportistas?
De momento parece que está a traballar ben, que se preocupan por mellorar e por nós, e fan as cousas o mellor que poden. Os esforzos da Federación Galega nótanse sobre todo na canteira, onde hai rapaces que son verdadeiramente bos. Eu creo que van polo bo camiño, aínda que iso si, todo é mellorable.
Comezaches no Club Breogán, que significa este club para ti?
Dende que estou metido no vicio do piragüismo, que van xa 16 anos, máis de media vida, nunca cambiei de club e non está nos meus plans facelo. Para a tempada que ven volverei e seguirei pelexando coas mesmas ganas e a mesma ilusión coas que o fixen sempre.
PALMARÉS DE ÁLVARO BRAVO
2005 Primeira vez Internacional na Olimpiada Sub 17
2008-2013 Sempre Internacional (mundiais e competicións europeas)
2009 Campión de Europa sub 23 en K4 1000 metros en Poznar (Polonia)
Cuarto do Mundo no Absoluto sénior en K2 200m en Canadá
2012 Subcampión de Europa Sub 23 K4 1000m en Portugal
7º posto no Absoluto sénior europeo na final de K4 (cando dende o 2004 a Selección Española conseguía meter un barco nesta final)