O BREOGÁN PRESENTOU ESTA MAÑÁ O XXVIII TROFEO CONCELLO DE O GROVE DE PIRAGÜISMO

presentacionEsta mañá no Concello de O Grove tivo lugar o acto de presentación do XXVIII Trofeo Concello de O Grove de Piragüismo. O alcalde de O Grove, Miguel Ángel Pérez, o Concelleiro de Deporte, Fredi Bea, e o Presidente do C.M.D.C. Breogán, Felix José Lamas estiveron presentes e ofreceron detalles sobre as dúas probas que compoñen este Trofeo que reunirá a 631 padexeiros: a XI Travesía da Toxa e a regata de alevíns e benxamíns.

O Club clasificado en primeira posición en cada unha das regatas sumará 1 punto, o segundo 2 puntos, o terceiro 3 puntos… O club que menos puntos teña da suma das clasificación das dúas regatas será o gañador do XVIII Trofeo Concello de O Grove de Piragüismo. En caso de empate, decide a mellor clasificación por clubs na regata do sábado. Os tres primeiros clasificados terán premio:

– O club gañador recibirá un bono regalo dunha fin de semana para dúas persoas no Gran Hotel La Toja.

– O club clasificado en segundo lugar recibirá un bono regalo dunha fin de semana para dúas persoas no Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja.

– O club clasificado en terceiro lugar recibirá un bono regalo dunha fin de semana para dúas persoas no Hotel Louxo La Toja.

XI TRAVESÍA DA TOXA

Esta regata terá lugar o vindeiro sábado 17 de maio, a partires das 17:00h. Nesta proba participarán padexeiros de categoría absoluta e xuvenil, tanto masculina como feminina. Por primeira vez nesta travesía competirán “barcos grandes”, C-4 e K-4, en resposta á Federación Galega nun intento de realizar unha liga máis profesional para este tipo de embarcacións.

Esta proba será puntuable para a Liga Galega de Ríos e Travesías e para a Superliga Galega de Piragüismo.

Hai un total de 368 padexeiros inscritos, pertencentes a 21 clubs diferentes, entre os que podemos atopar nomes de varios Campións do Mundo de Maratón, como son Iván Alonso, Óscar Graña, Ramón Ferro, etc… O percorrido será o mesmo para todas as categorías. No caso dos xuvenís será de 5 km (2 voltas), e para a absoluta serán 7,5km, 3 voltas.

O Breogán verase mermado nesta proba por un selectivo que terá lugar o 23 de maio (que nun principio estaba previsto para o 29 de maio e no que participarán padexeiros xuvenís e Sub-23, e tamén canoistas senior), polo que as irmáns Natalia e Laura García Naveiro, Así como Tono Campos e Diego romero serán baixa.

Nesta regata tamén haberá premios para os tres primeiros clasificados:

– O primeiro club clasificado recibirá un trofeo donado polo Casino La Toja.

– Os padexeiros das piraugas que acaden a primeira posición en todas as categorías recibirán un lote de produtos de Tienda Manantiales de La Toja.

– Os padexeiros das piraugas que acaden a segunda posición en todas as categorías recibirán un lote de produtos de Conservas Selectas de Galicia S.A.

REGATA ALEVÍNS E BENXAMÍNS

O domingo chegará o turno dos máis pequenos. A partir das 17:00h os alevíns e benxamíns participarán no K-1 e no C-1. Participarán un total de 273 padexeiros, de 19 clubs diferentes, das categorías Alevíns A (home e muller), Alevíns B (home e muller) e Benxamíns (home e muller).

 Unha cita deportiva que afecta á afluencia turística da vila

A presentación rematou coa intervención do Concelleiro de Deportes, Fredi Bea, e novamente do Alcalde de O Grove Miguel Ángel Pérez, onde ambos salientaron ademais da importancia deportiva do evento, a repercusión positiva que terá no turismo do Concello. Espérase que arredor dunhas 2.000-2.5000 persoas visiten O Grove esta fin de semana con motivo desta cita, onde xa só os deportistas que competirán neste Trofeo de Piragüismo xa superan os 600.