TONO CAMPOS E JACOBO DOMÍNGUEZ, DOUS GRANDES TRIUNFADORES NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MARATÓN

jacobo no podioO Breogán participou esta fin de semana no Campionato de España de maratón que se celebrou en Badaxoz. Os padexeiros grovenses acadaron grandes resultados nas diferentes probas, entre os que destacaron os dous primeiros postos de Tono Campos no C-1 senior, e de Jacobo Domínguez no C-1 Sub-23.

Tono Campos proclamouse Campión de España no C-1 senior tras chegar á meta por diante de David Mosquera, padexeiro do Ría de Betanzos, que entrou 36 segundos máis tarde co do Breogán, e de Manuel Garrido do Kayak Tudense, que chegou a meta a 50 segundos do noso padexeiro. Foi unha pena que Diego Romero, quen tamén participaba nesta proba, sufrise un golpe de calor xusto cando ía escapado á cabeza con Tono Campos na metade da regata.

No C-1 Sub-23, Jacobo Domínguez tamén se proclamou Campión de España superando amplamente aos seus rivais. Miguel López, o segundo clasificado na proba, superou a meta a máis de un minuto e medio de distancia do grovense. O terceiro clasificado, Javier Bernal (Zamora), facíao a máis de 3 minutos e medio.

O domingo foi o turno dos barcos dobres, onde o C-2 senior mixto de Tono Campos e José Manuel Sánchez (Ría de Betanzos), se impuxo na proba, tras unha dura loita cos actuais Campións do Mundo, Ramón Ferro e Óscar Graña do Kayak Tudense. Non obstante, o título de Campións de España vai para os tudenses, posto que o C-2 formado por Tono e José Manuel, ao ser mixto, non optaba ao título, pero si á consecución do billete que os levará ao Campionato do Mundo de Maratón que se celebrará o vindeiro mes de setembro en Oklahoma (Estados Unidos).