BREOGÁN E VITALDENT LEVAN A TONO CAMPOS AOS COLEXIOS

TONO CAMPOS NOS COLEXIOS
Baixo o título “Breogán e Vitaldent levan a Tono Campos aos Colexios”, dende o clube estamos realizando unhas visitas aos rapaces dos cursos de 5º e 6º dos diferentes colexios do Grove.O obxectivo é que os nosos nenos poidan coñecer un pouco máis da vida deportiva do piragüista de elite Tono Campos e, tamén, un pouco do mundo do piragüismo. Para levar a cabo esta gratificante experiencia, contamos coa inestimable colaboración de Vitaldent; por iso nas charlas tamén se inclúen algúns consellos de saúde bucodental.

«Esto é coma os estudios, para sacar un dez hai que traballar moito».
Así de enérxico se mostra o piragüista bicampión do mundo á hora de transmitirlles aos nenos a importancia de traballar duro na vida para acadar os mellores resultados. Campos, quen leva máis de vinte anos practicando este deporte e colleitado máis dunha ducia de medallas (mesmo de ouro en Campionatos do Mundo), aproveita para explicarlle aos máis novos o importante do esforzo e a constancia. Ao mesmo tempo, aléntaos a probar este deporte e para iso convídaos a achegarse ás instalacións do noso clube.