A LANZADA SERÁ O ESCENARIO DA OCEAN RACE O 6 DE DECEMBRO

O próximo sábado 6 de decembro teremos a oportunidade de gozar dunha competición de elite de kaiak de mar na Lanzada. Os mellores palistas desta modalidade de piragüismo estarán presentes nunha proba que seguro que deixa imaxes increíbles e inesquecibles para todos os asistentes. Nós non temos pensado perdernos esta cita!!

A continuación deixámosvos un artigo sobre este evento publicado hoxe en Deportemeco.

A Lanzada Ocean Race 2014: “Unha cita para palistas de elite, con máis aventura é espectáculo”

No mes de decembro a Ocean Race chega ao Grove. A Lanzada será o lugar no que se realice a primeira edición deste evento, que se celebrará o día 6 de decembro sempre e cando as condicións metereolóxicas o permitan. Tartaruga Surf e a Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) son os organizadores desta cita que o propio presidente da FEGAPI, Alfredo Bea, asegura que estará “chea de aventura e reunirá á elite galega de kaiak de mar “. 

00c636e00bee0ba03b364841363f738b_L

A Lanzada Ocean Race xa ten data. Esta regata de surfski e stand up paddle (SUP, ou tamén coñecido como paddle surf), denominada internacionalmente “ocean race”, está organizada pola escola do municipio grovense Tartaruga Surf e a Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) -concretamente pola área de Kaiak de mar–  en colaboración con outras entidades como o Concello do Grove e importantes marcas dentro do mundo do piragüismo e o surf como son Nelo e RRD.

Nesta proba participarán palistas experimentados dentro da área de kaiak de mar, de categoría absoluta (tendo que ser todos os participantes maiores de 16 anos de idade), os cales competirán nalgunha das dúas modalidades de kaiak de mar. Para os que non teñan moitos coñecementos sobre kaiak de mar aclaramos que o Surfski é un tipo de piragua moi empregada en Sudáfrica e Australia, máis flexible e cómoda que permite coller as ondas con máis facilidade. O SUP ou Stand Up Paddle é un tipo de táboa de surf no que se vai de pé cun remo, e pódese empregar tanto en augas tranquilas como tamén para coller grandes ondas.

A regata constará de dous percorridos que aínda están pendentes de confirmar dependendo de cales sexan as condicións metereolóxicas do día do evento. O percorrido realizarase “down wind” ou a favor do vento, como indica Carlos Besada, o responsable da área de Kaiak de mar da FEGAPI. O traxecto máis longo, de 15 km, será o que deberán realizar os participantes na modalidade de surfski, e os máis curto, de 7 km, farano os participantes en SUP.

O presidente da FEGAPI, Alfredo Bea, apunta que “con esta proba búscase xuntar aos mellores palistas de kaiak de mar de Galicia dentro da categoría absoluta, competindo en mar aberto e non en rías como se fai na liga da FEGAPI”. Na liga galega de kaiak de mar compítese dende categoría cadete ata senior, pero nesta proba búscase “ese factor aventura”, como apunta Bea, polo que só se permitirá a participación de adultos. O principal obxectivo deste evento deportivo é reunir á elite galega de kaiak de mar, ademais de “tratar de meter a Galicia dentro do calendario mundial deste tipo de competicións, e que mellor lugar que A Lanzada para realizar a proba”.

O Concello do Grove, Nelo e RRD, principais colaboradores

Tartaruga Surf e a FEGAPI son os organizadores da Ocean Race que, ademais, contarán con varios colaboradores. O Concello do Grove apoia este evento poñendo á disposición dos organizadores o servizo de Protección Civil (marítimo), para vixiar a seguridade dos participantes. Así mesmo, a coñecida marca de piraguas Nelo facilitará o material preciso para aqueles competidores que se acheguen dende lonxe e non poidan levar os seus propios surfskis. Deste mesmo xeito colaborará tamén RRD, poñendo á disposición dos participantes táboas de Stand Up Paddle. Ademais, os organizadores seguen na procura de máis colaboradores, que tratarán de conseguir de aquí á data do evento.

Inscríbete na web da FEGAPI

A inscrición nesta regata só se pode facer online a través da páxina da Federación Galega de Piragüismo. O custe da inscrición, como indica Besada, “é simbólico, de apenas 10€ para cubrir os gastos do seguro da competición, cunha rebaixa do 50% para a xente federada”.

Dende a FEGAPI aseguran que non tiñan grandes expectativas en canto ao número de participantes, estimando un total de 50 deportistas como máximo. Porén, despois de que se procedese á presentación do evento a través das redes sociais e na propia Federación, parece que a regata está causando máis expectación da prevista, polo que se espera que o número de participantes sexa alto. Con todo, o presidente da Federación Galega asegura que “esta non será unha cita tan multitudinaria como outras regatas organizadas pola Federación, nas que logramos xuntas 400-450 palistas nunha mesma proba; esta regata está orientada á elite do kaiak de mar de Galicia, polo que o número será notablemente menor”.