Os padexeir@s do equipo de promoción do CMDC Breogán de O Grove, en colaboración con GT Informática, organizaron o sorteo dun Smarphone da marca AEG AX505; sorteo que se celebrou o domingo día 18 de maio, durante a entrega de premios da 1ª Regata da Liga Provincial de Alevíns e Benxamíns.
Coa venda de rifas cun prezo de 1 €, pretendíase recadar os cartos necesarios para acudir a finais de mes ao encoro de Santa Cruz de Trasona (Asturias) para a disputa dunha regata nacional.
O día 31 de maio terá lugar a Copa de España de 1.000 m. para a categoría cadete e, ao día seguinte, 1 de xuño, celebrarase o recén creado Campionato de España de 3.000 m. para infantís.
O Breogán moverá neste desprazamento a un equipo dunhas 25 persoas entre cadetes, infantís e técnicos, e grazas á colaboración recibida con esta iniciativa, todos os membros que realicen a viaxe poderán facer noite nun hotel, cando se estaban a barallar outras posibilidades máis económicas e menos cómodas.
Na foto podemos ollar a un membro do equipo de promoción facendo entrega do Smartphone ao agraciado neste sorteo, Miguel Aguiño, da Taberna “O Arauxo”.