O BREOGÁN ASINOU NO DÍA DE ONTE, XUNTO CON OUTROS EQUIPOS DA PROVINCIA, O PLAN DE PATROCINIOS PARA EQUIPOS DE ELITE DE GALICIA, QUE PROMOVE A FUNDACIÓN DEPORTE GALEGO.
As instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, acolleu no día de onte (martes) un sinxelo acto no que se asinaron os convenios para o 2015 do Plan de Patrocinio para os Clubs de Elite de Galicia que dende hai cinco anos promove a Fundación Deporte Galego, e o que se esta ano se uniu Abanca.
Breogán estivo neste acto, no que participaron distintos equipos da provincia de Pontevedra do total de 111 equipos que se beneficiaran este ano deste convenio de patrocinio.
O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou por parte da Fundación Deporte Galego, estando acompañado por un alto cargo de Abanca. Por parte dos clubs, asinaron os seus respectivos presidentes, no caso do Breogán, Félix Lamas, que acudiu o acto acompañado por Tono Campos e Diego Romero.
«Na presente edición, o plan están dotado con 2.420.000 euros, un 26% máis que o pasado ano, tendo por destinatarios un total 111 equipos galegos. Neste orzamento, Abanca, patrocinadora oficial do plan logo do contrato subscrito coa Fundación o pasado mes de febreiro, fai unha achega de 726.000 euros, como parte do compromiso subscrito pola entidade financeira que destinará, no marco da presente colaboración, máis de 3,6 millóns de euros nos cinco anos de duración do contrato coa Fundación.
Desde os seus inicios na tempada 2009/2010, o plan investiu máis de 10.000.000 de euros nos equipos de alta competición de Galicia, mostrando a súa efectividade tanto no xenérico número de equipos apoiados (111 na presente edición fronte aos 89 do ano 2009), como especialmente no tocante ao deporte feminino: 28 equipos na tempada 2009/2010, 46 equipos na vixente tempada.
Todos os equipos patrocinados teñen en común contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel en modalidades deportivas nas que a competición de máximo nivel se desenvolve na categoría absoluta en sistema de liga regular á que se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría, e/ou sistema de ránking/clasificación por equipos.
Como vén sendo a tónica habitual deste programa, a presente edición patrocina equipos de distintas especialidades deportivas, o que reflicte o bo estado de forma do deporte de alta competición en Galicia: atletismo (5), bádminton (2), baloncesto (11), baloncesto en cadeira de rodas (2), balonmán (7), béisbol (3), bolos (1), ciclismo (6), esgrima (3), fútbol (14), fútbol sala (11), halterofilia (2), hóckey herba (1), hóckey liña (2), hóckey a patíns (3), kaiak polo (3), piragüismo (5), remo (3), rugby (3), tenis de mesa (12), tríatlon (5) e voleibol (7).
Este plan de patrocinio supón un moi destacado pulo para a presenza do deporte galego no máis alto nivel competitivo, a nivel nacional e internacional, das distintas modalidades deportivas comprendidas nel, garantindo o crecemento deportivo de entidades e deportistas destas especialidades, á vez que se reforza a presenza da marca DEPORTE GALEGO nas competicións deportivas ás que acoden os equipos patrocinados. Coa incorporación neste ano de Abanca como patrocinadora oficial, o plan logra potenciar a súa presenza e operatividade, potenciándose a base dos equipos patrocinados.»