O C-4 MIXTO DO BREOGÁN VENCE NO I TROFEO RÍAS BAIXAS

11998957_896051220472604_8452443976905661092_n

Onte, domingo, celebrouse o I Trofeo Rías Baixas de Piragüismo, proba que se desenvolveu entre Vilanova, Illa de Arousa, Cambados e O Grove. Un total de 31 K-4 masculino, 9 C-4 masculino e 6 K-4 feminino participaron nesta proba que organizaba a federación galega de Piragüismo (FEGAPI) en colaboración cos catro concellos polos que transcorreu a proba, o que supón un total de 184 palistas na liña de meta.

Dende o Breogán tan só participou unha embarcación grande, o C-4 masculino mixto composto por Tono Campos, Miguel Fernández e Cristian Ribademar, todos deportistas do club de piragüismo meco, que formaron equipo con José Manuel Sánchez do Betanzos, e compañeiro de Tono na distancia de maratón. Estaba previsto que o cuarto palista da proba fose Diego Romero, tamén do Breogán e parella de Tono no proxecto do C-2 olímpico, pero unha caída na moto impediulle estar presente na proba. Porén, o C-4 mixto foi o vencedor da proba, con case un minuto de vantaxe sobre a segunda embarcación, a do Club As Torres-Romería Vikinga. Completou o podio o C-4 do Club Kayak Tudense.