O sábado día 8 de xuño celebrase a “X Travesía da Toxa – XXVII Trofeo Concello de O Grove de Piragüismo”, organizada polo CMDC Breogán e a Federación Galega de Piragüismo e estando patrocinada polo Concello de O Grove.
Conta tamén coa colaboración de empresas do municipio, principalmente as da Illa de A Toxa. Nesta edición a regata entra dentro dos actos do II Desembarco Pirata, tras recibir Breogán a solicitude de Emgrobes para a nosa participación neste evento.
A regata está integrada na Liga Galega de Descensos e Travesías, puntuando ademais para a Super Liga Galega de Piragüismo. Na mesma participarán as categorías: cadete, xuvenil, senior e veteranos, tripulando embarcacións dobres: K-2 e C-2. Realizaranse tres saídas, dividindo as categorías, e estando programada a primeira saída para as 15,30 h para as categorías cadetes; unha hora despois sairán os xuvenís e ás 17, 30 h realizarase a última saída para senior e veteranos.
A inscrición para esta regata bateu o record con respecto a edicións anteriores, cun total de 198 piraguas (k-2 e C-2) inscritas, o que supón preto de 400 padexeiros inscritos. Os clubs con máis piraguas inscritas son: Ciudad de Pontevedra (18), Ría de Aldán (16) e As Torres de Catoira e N. Viveiro (13). Inscribíronse para esta regata un total de 30 clubs de toda Galicia.
Nesta regata, ademais dos premios habituais para os tres primeiros clasificados de cada categoría, entregaranse como xa é habitual, uns “Premios Especiais”.
- Premio Gran Hotel de La Toja: dunha fin de semana para dúas persoas a cada un dos compoñentes da piragua gañadora en K-2 home senior.
- Premio Hotel Louxo – La Toja: dunha fin de semana para dúas persoas a cada unha das compoñentes da piragua gañadora en K-2 muller senior.
- Premio Hotel Balneario Isla de La Toja: dunha fin de semana para dúas persoas a cada unha dos compoñentes da piragua gañadora en C-2 senior.
- Premio Tiendas Manantiales de La Toja: dun lote de produtos para os compoñentes das piraguas gañadoras en todas as categorías.
- Premio Conservas Selectas de Galicia: dun lote de produtos para os compoñentes das piraguas clasificadas en segunda posición en todas as categorías.
- Premio Museo de Salazón: de dúas entradas para os compoñentes das piraguas clasificadas en terceira posición en todas as categorías.