O equipo do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra foi o gañador da décima edición da Travesía da Toxa – XXVII Trofeo Concello do Grove de Piragüismo, organizada polo Club Breogán e a Federación Galega de Piragüismo, ademais de estar patrocinada pola Concellaría de Deportes do Concello do Grove.
Un total de 198 embarcacións de tipo C-2 e K-2, o que supón preto de 400 padexeir@s en representación de trinta clubs procedentes de toda Galicia, inscribíronse nesta regata da Liga Galega de Ríos e Travesías, puntuable para a Super Liga Galega de Piragüismo. Esta participación supuxo un novo récord de participantes nesta regata da nosa vila.
O discorrer da regata foi un éxito, pois a pesar das previsións de vento e choiva, o tempo respectou as evolucións d@s padexeiros nun circuíto entre O Grove e a Illa da Toxa, que se puido contemplar polo numeroso público ao longo de todo o paseo marítimo; misturándose cos asistentes e actividades do II Desembarco Pirata.
O Ciudad de Pontevedra gañou a regata por clubs, seguido do C.M. Ría de Aldán e sendo terceiro o N. Pontecesures. O noso equipo rematou nunha sexta posición, que puido ser mellor pero con todo, e a nivel individual, os nosos deportistas subiron ao pódium en tres ocasións.
Esta regata, que está a destacar como unha das travesías máis importantes de Galicia, ten un reclamo importante ao contar cuns premios especiais para os deportistas, que son aportados por empresas do noso municipio e, principalmente polas da Illa de A Toxa.
- Premio do Gran Hotel de La Toja, dunha fin de semana para dúas persoas para cada un dos tripulantes da embarcación gañadora en K-2 home senior; que foi para Rubén Millán e Gabriel Pavón, do Kayak Tudense.
- Premio do Hotel Louxo La Toja, dunha fin de semana para dúas persoas para cada unha das tripulantes da embarcación gañadora en K-2 muller senior: para Raquel Rodríguez e Lidia Martínez, do Ciudad de Pontevedra.
- Premio do Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, dunha fin de semana para dúas persoas para cada un dos tripulantes da embarcación gañadora en C-2 home senior, gañado por Adrián Pose e Diego Miguens, das Torres de Catoira.
- Premio da Tienda Manantiales de la Toja, dun lote de produtos que se levaron os compoñentes das embarcacións clasificadas en primeira posición en todas as categorías.
- Premio de Conservas Selectas de Galicia, dun lote de produtos que se levaron todos os compoñentes das embarcacións clasificadas en segunda posición en todas as categorías.
- Premio do Museo da Salga, dun lote de dúas entradas que se levaron todos os compoñentes das embarcacións clasificadas en todas as categorías.
Resultados dos nosos deportistas:
Padexeir@s | Categoría | Posto |
Laura García – Sara Bravo | K-2 muller xuvenil | 1º |
Tania Álvarez – Natalia García | K-2 muller senior | 2º |
Rut Otero – Antía Rodríguez | K-2 muller senior | 4º |
Manuel García – Borja Meis | C-2 home xuvenil | 2º |
Félix Meis – Sergio Meis | C-2 home xuvenil | 5º |
Diego Naveiro – Adrián Ribademar | C-2 home xuvenil | 6º |
Edu da Silva – Carlos Álvarez | K-2 home xuvenil | 10º |
Adrián Conde – Adrián Otero | K-2 home cadete | 18º |
Cristian Ribademar – Jacobo Domínguez | C-2 home senior | Avaría |