TRES PADEXEIROS DO BREOGÁN ACUDIRÁN AOS CAMPIONATOS DE EUROPA

Fotos campionatos Europa 3 Fotos campionatos Europa 1 Fotos campionatos Europa 2

Tres padexeiros do Breogán do Grove acudirán aos Campionatos de Europa de Pista que se disputarán nas próximas fins de semana.

Do 14 ao 16 de xuño celébrase en Montemor o Velho (Portugal) o Campionato de Europa de Pista, no que estará presente o canoísta do Breogán, Diego Romero, quen tomará parte no C-1 nas distancias de 1.000 e 500 m.

Do 27 ao 30 de xuño disputarase en Poznan (Polonia) o Campionato de Europa de Pista Sub 23 e Xuvenil, onde o Breogán terá de novo representación, nesta ocasión con tres padexeiros en competición. De novo será Diego Romero, de categoría Sub 23, quen represente a canoa española neste campionato, pero tamén estarán presentes as irmás García Naveiro: Natalia e Laura.

Natalia García xa participou o pasado ano no Campionato de Europa Xuvenil e, no seu primeiro ano de Sub 23 foi quen de facerse un oco no equipo que acudirá a Poznan. Pola súa banda, Laura García formará parte do equipo de categoría xuvenil, sendo esta a súa estrea a nivel internacional.

Ambas padexeiras poderán estar presente neste campionato grazas ao financiamento acadado pola Federación Galega de Piragüismo coa colaboración da Deputación de Pontevedra; pois a pesar de ir como selección española, debían facerse cargo dos gastos de desprazamento e estancia.

Quen non acudirá ao Campionato de Europa será o kaiakista Álvaro Bravo, quen no seu día se meteu entre os seis deportistas que foron concentrados para formar o K-4 senior, pero despois dunha temporada difícil, non acadou o posto para formar parte desta embarcación.