O noso padexeiro Tono Campos, ven de acadar uns resultados inmellorables no Mundial de Maratón celebrado esta fin de semana en Oklahoma (EEUU). E ven de facelo despois de completar dúas maratóns completas: unha delas individual, no seu C-1, e a outra xunto co seu compañeiro José Manuel Sánchez.
O sábado disputou a primeira proba, a individual, onde Tono dmeostrou o seu aplomo e experiencia dosificando perfectamente as súas forzas para conseguir completar a maratón realizando o mellor tempo, un total de 2 horas, 18 minutose 19 segundos. O grovense foi primeiro, proclamándose Campión do Mundo de Maratón, e rematando 19 segundos por diante do húngaro Marton Kover, o único que foi capaz de facerlle un pouco de sombra ao noso palista máis internacional.
E sen ter apenas tempo para decatarse do cansanzo e desgaste físico que supón unha maratón, Tono Campos disputou outra gran proba o domingo, desta vez co seu compañeiro José Manuel Sánchez a bordo do C-2. Este equipo formado por estes dous grandes palistas, que xa conseguira un bronce no Campionato Mundial de 2012, subeu un chanzo máis no podio, conseguindo a prata e proclamándose Subcampións do Mundo de Maratón.
Dende o Breogán, o seu club, queremos darlle a nosa máis sinceira noraboa tanto a Tono Campos, membro da nosa gran familia dende que era tan só un cativo, como ao seu compañeiro José Manuel Sánchez.