No día de hoxe iniciáronse as distintas regatas que compoñen o Campionato de España de Pista para categoría senior e xuvenil que se disputa en Verducido, e que durará ata o medio día do domingo.
Na xornada matinal do venres, tiveron un protagonismo especial Diego Romero e Natalia García.
Diego Romero proclamouse Campión de España no C-1 home senior 1.000 m., nunha chegada moi apertada na que os tres primeiros clasificados entraron no mesmo segundo; Brais Casas (Kayak Tudense) foi segundo e Andre Oliveira (Firrete) terceiro.
Natalia García, que se desprazou dende Sevilla onde esta nunha concentración preparando o Campionato do Mundo Sub 23; acadou unha boa 5ª posición no K-1 muller senior 1.000 m., regata gañada por Ana Varela (Kayak Tudense), seguida de Eva Barrios e Laura Preduelo.