Diego Romero, sétimo no Campionato de Europa

diego romeroO noso padexeiro, Diego Romero tivo unha actuación espectacular no Campionato de Europa de Pista Absoluto ao rematar na sétima posición no C-1 sobre a distancia de 1.000 m., nunha final na que participaron dous campións olímpicos da especialidade e ata catro finalistas en Londres 2012. As pistas de Montemor-O Velho (Portugal) foron o escenario onde se disputou este campionato continental.

Despois da súa eliminatoria e logo de impoñerse na repesca, Diego disputou a final que o fai entrar na elite dos canoístas europeos, con só 22 anos, sendo aínda de categoría Sub 23 e que terá unha nova cita a finais de mes coa disputa do Campionato de Europa Sub 23 e Xuvenil, en Poznan (Polonia).

A regata foi gañada polo checo Martín Fuksa, quen con 20 anos ameaza con converterse nun “monstruo” da canoa. Na segunda posición quedou o francés Mathieu Goubel, (quinto na final olímpica de Londres 2012). O terceiro posto foi para o polaco Marcin Grzybowski, sendo cuarto o húngaro Attila Vajda (ouro en Pekin 2008). Na quinta posición clasificouse o austríaco Dagnis Iljins, mentras que sexto foi o actual Campión Olímpico da especialidade, o alemán Sebastian Brendel e, a menos de un segundo entrou na sétima posición Diego Romero cun tempo de 3.57.861.

A oitava posición foi para o bielorruso Aliaksandr Zhukouski (finalista en Londres) e pechou a final o ucraino Vadym Isipan.