IVÁN ALONSO GAÑA A PRIMEIRA EDICIÓN DA LANZADA OCEAN RACE

IVAN_ALONSOA Lanzada Ocean Race 2014 disputouse o pasado sábado na Lanzada coa participación de 30 deportistas. O padexeiro Iván Alonso, do Kayak Tudense, superou en nove segundos ao portugués Artur Miguel Martins e máis dun minuto a Jesús Rodríguez León.

Todos eles tomaron parte na modalidade de surfski, na que se utilizan as embarcacións habituais das regatas de pista aínda que adaptadas especialmente para competir no mar.

Tras unha curta carreira a pé, tiveron que subirse aos seus barcos e iniciar a travesía. O primeiro tramo era complicado, debido á constancia das ondas que se atoparon. Dende os primeiros metros formouse un grupo nos primeiros lugares da proba. Iván Alonso mantivo unha forte pugna co portugués Artur Miguel Martins que se resolveu no tramo final a favor do galego.

En total foron quince quilómetros complicados debido á forte ondada nalgunhas zonas. Nos barcos dobres impuxéronse Juan Manuel Gago e Jesús Dacosta. Segundos foron Carlos Besada e José Manuel Piñeiro. Na modalidade de SUP, o deportista vai de pé nunha táboa de surf, o triunfador foi Ramón Blanco, seguido por Pablo Codesido e Víctor Robleda. Na categoría feminina venceu María del Carmen Nieto. Esta iniciativa contou co respaldo da Federación Galega de Piragüismo, Tartaruga Surf, Nelo, RDD e o Concello do Grove.