Tono Campos e Diego Romero participaron na segunda semifinal do C-2 home 1.000 m. no Campionato do Mundo de Pista que se está a celebrar estes días en Milán (Italia).
A semifinal daba tres billetes para estar na desexada final desta modalidade olímpica, onde Tono e Diego quedaron moi preto ó rematar na cuarta posición, que lles dá o pase a Final «B».
A súa participación nesta regata foi moi boa, facendo o que tiñan que facer e loitando ata o final; según nos comentan os seus técnicos, esta puido ser a «mellor regata da súa vida», pero por desgracia non foi suficiente.
O gran nivel e a gran igualdade amosada polas C-2 que se presentaron a este mundial, queda reflectida no barco rumano que o pasado ano se proclamou Campión do Mundo, e nesta ocasión non acadou posto na final.
Agora Tono e Diego deberán remar a Final «B» onde tratarán de loitar polos tres primeiros postos, para mellorar resultados anteriores e para facerse con unha beca ADO, que lles permita seguir adestrando con tranquilidade para o preolímpico do vindeiro ano, onde os europeos se xogarán dúas prazas máis para os Xogos Olímpicos de Rio 2016.