Dúas medallas, unha prata e un bronce, foi o botín que acadou Tono Campos, o padexeiro grovense do Breogán, no Campionato do Mundo de Maratón celebrado esta fin de semana na localidade húngara de Gyor. O canoista meco proclamouse subcampión mundial na proba de C-1 e rematou en terceira posición no C-2, onde formou parella con José Manuel Sánchez, do Ría de Betanzos.
O sábado chegaba o primeiro dos metais para o deporte meco. Na proba de C-1, Tono Campos mantivo unha dura batalla co padexeiro local Márton Kövér. Nun largo e competido sprint o húngaro impúxose ó grovense. En terceira posición rematou o padexeiro portugués Nuno Barros.
Na xornada do domingo chegou a segunda das medallas. No C-2 o grovense Tono Campos, formando parella co padexeiro do Ría de Betanzos, José Manuel Sánchez, tiveron que conformarse coa terceira posición. O igual que ocorrera na proba do C-1, Márton Köver e Ádam Dócze, a parella húngara, estivo intratable e non deu opción ó resto de participantes. A segunda posición estivo moito máis igualada. Nun final de infarto, con un duelo fraticida entre as dúas parellas de galegos, o dúo formado por Ramón Ferro e Óscar Graña impúxose no sprint, cunha vantaxe mínima de apenas dous segundos a Campos e Sánchez, que se tiveron que conformar coa terceira praza.
Deste xeito, coa consecución destas dúas novas medallas, Tono Campos segue aumentando o seu palmarés, e alcanza os trece metais en Campionatos Mundais de Maratón. Toda unha proeza digna dun deportista que xa se pode considerar una lenda no deporte meco.